Thursday 02 de May de 2024

O Concello presentou a nova imaxe dunha embarcación de baixura restaurada dentro do proxecto de posta en valor da carpintería de ribeira


• Ao acto acudiron membros da corporación municipal e da confraría de pescadores; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez

• O proxecto estivo financiado nun 85% polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte

Este venres, desde as 17:00 horas, o Concello de Laxe acolleu a presentación do resultado final do proxecto de restauración dunha embarcación de baixura situada nun dos accesos á vila mariñeira.

Este barco, de 18 metros de eslora, foi acondicionado dentro da iniciativa da posta en valor e musealización da carpintería de ribeira no municipio. O orzamento total das intervencións ascendeu a 18.131,85 euros, sendo o 85% financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte.

No plan de actuacións contemplouse a recuperación da estrutura de madeira deixando á vista as cuadernas, quilla, a roda e o codaste, ademais de tratar a madeira e suxeitar os barraganetes existentes.

Tamén se procedeu á colocación duns paneis informativos na contorna da nave que conteñen material do arquivo fotográfico Vidal, o cal reflicte a historia do oficio e das embarcacións tradicionais co fin de poñer en valor o patrimonio cultural da zona.

Ao acto acudiron membros da corporación municipal e da confraría de pescadores; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

O Concello agradece o apoio de entidades como o GALP Costa da Morte a Xunta de Galicia por ‘facilitar os procedementos de mellora e renovación de estruturas que para nós, como pobo mariñeiro, son un sinal de identidade’.